segunda-feira, 27 de junho de 2011

Os israelís que soñaban con ver o mar de Gaza

27 junio 2011, Xornal.com http://www.xornal.com (Galicia)

Varios cidadáns hebreos desafían o bloqueo de Israel á Faixa dende barcos da Frotiña

Ricardo Rodríguez

Amira Hass, a única xornalista israelí que informou durante a segunda Intifada dende territorio palestino, que viviu en Gaza e Ramala durante anos –entre 1993 e 2000– e que acabou sendo expulsada da Faixa por Hamás pouco antes da operación Chumbo Fundido de 2008, viaxará a bordo do Tahrir, un dos barcos da Frotiña da Liberdade que se fará ao mar nuns días dende un porto grego non especificado. Hass (Xerusalén, 1956), filla de superviventes do Holocausto –os seus pais estiveron recluídos no campo de Bergen-Belsen–, escribe decote para o xornal israelí Haaretz. Das súas vivencias nos territorios ocupados e en Gaza saíron un par de libros. É amais unha das poucas voces críticas –de esquerdas– dentro de Israel coa ocupación. Ten comparado as políticas do goberno israelí cara aos palestinos coas de Sudáfrica durante a época do Apartheid. E mesmo desafiado o bloqueo a Gaza, como cando en decembro de 2008 conseguiu chegar á Faixa a bordo dun barco. Desta volta tentarao de novo nun buque da Frotiña bautizado co símbolo da nacente democracia exipcia, Tahrir, xunto cun feixe de cidadáns israelís que soñan con ver o mar de Gaza.

Nun artigo publicado onte en Haaretz, a xornalista israelí debullaba os detalles da viaxe que comezará nos vindeiros días. Serán tres xornadas de travesía dende Grecia a Gaza. No mellor dos casos, os activistas e xornalistas canadenses, dinamarqueses ou belgas que viaxan a bordo do Tahrir serán quen de acadar as costas da Faixa. No peor, acabarán sendo detidos polos comandos israelís. E para esa situación estanse a preparar. Os tripulantes do Tahrir, escribe Hass, estanse a adestrar emocionalmente para un asalto no que terán que facer fronte a altas doses de estrés. Saben que os soldados apuntarán as súas armas cara eles, que os helicópteros voarán por riba das súas cabezas, que haberá canóns de auga, que se lanzarán gases lacrimóxenos e probabelmente granadas de son. E tamén haberá insultos, empurróns, algún que outro lapote, cans e soldados con pasamontañas. “Os activistas sacaron en limpo deste exercicio que deberían recoñecer os seus medos e que coma un grupo –no que todos e cada un son responsábeis dos demais– deberían aprender a confrontalos”, afirma.

O Tahrir está fretado por activistas canadenses que recadaron fondos durante un ano para adquirir o barco e poñelo a punto para a súa navegación. Foi mercado por 500.000 dólares e as doazóns chegaron dende cidadáns, non desde organizacións, de varios países. O Goberno de Canadá non apoia a acción humanitaria, á que cualifica de provocación a Israel. É unha postura que asumiron moitos outros gobernos, incluído o español, que desaconsellou aos seus nacionais participar na travesía a Gaza polos perigos que entraña a través dunhas declaracións da ministra de Exteriores, Trinidad Jiménez, e sen que houbese unha declaración oficial ao respecto. O único país polo momento que demandou a Israel que evite calquera acción violenta contra a frotiña foi Irlanda.

Un feixe de cidadáns israelís embarcarase xunto con Hass nunha ducia de buques que levan nas súas adegas axuda humanitaria para os cidadáns da Faixa. Algúns deles farano no American, algúns de cuxos delegados son estadounidenses e outros israelís. O pasado xoves, asegura Hass, as autoridades portuarias gregas recibiron unha denuncia consonte o buque non estaba en condicións para facerse ao mar. Os organizadores da Frotiña cren que detrás desa denuncia hai motivacións políticas. E, polo momento, mentres negocian coas autoridades gregas, non está claro se o buque poderá acabar uníndose ao resto rumbo a Gaza.

Pero mentres os preparativos continúan nos portos gregos –un dos cinco activistas galegos que participa na expedición confirmou onte a partida do primeiro navío– a diplomacia turca move ficha para tentar restabelecer as relacións rachadas con Israel despois do asalto ao Mavi Marmara o pasado ano. As presións israelís á organización IHH, que tiña previsto participar na expedición con ese buque– sinálanse como a razón de fondo para retirarse da expedición. Haaretz publicou onte que Erdogan está moi preocupado polas fondas críticas contra Turquía contidas no relatorio do secretario xeral da ONU sobre a matanza do Mavi Marmara e que pretende rebaixar o ton dese informe para atallar as liortas diplomáticas. Un borrador, entregado aos dous países, subliña as relacións entre o IHH e o Goberno turco, mantén que o bloqueo é legal, que acción para deter a frotiña foi acertada e que os soldados israelís actuaron en defensa propia.

Nenhum comentário: